Friday 05 de July de 2024

Neda converterá o seu paso por Primavera no Camiño Inglés nunha invitación a desfrutar da Festa do Pan


O pan de Neda volverá ser protagonista da presenza do Concello de Neda na nova entrega de Primavera no Camiño Inglés, que se celebrará este sábado nos Xardíns de Méndez Núñez, na Coruña, saída alternativa a Ferrolterra. A participación municipal, ademais de servir para distribuír material promocional, servirá para difundir o seu produto estrela, e convidar ao público a achegarse o primeiro domingo de setembro á emblemática festa gastronómica.

Neda contará no espazo institucional con stand propio, que será atendido pola técnica municipal de turismo. O espazo permitirá difundir os atractivos da ruta xacobea ao seu paso pola vila, e tamén o resto dos recursos de interese turístico da localidade (a fervenza do Belelle, os miradoiros de Ancos e Viladonelle…) Con todo, a Festa do Pan, declarada de interese turística de Galicia, será o eixo central da proposta.

A sétima edición de Primavera no Camiño Inglés, que se desenvolverá de 11 a 20 horas, contará cunha amplísima oferta de lecer. Incluirá actividades gastronómicas e culturais, obradoiros para o público infantil e un mercado de artesanía. A cita está organizada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, e conta co apoio da Deputación da Coruña e o Concello da Coruña.